Arte na parede

No Beco do Batman

Os graffitis en São Paulo están espallados por toda a cidade, cada vez son máis os negocios que utilizan este tipo de arte nas súas frontes. O colorido xa é marca non só nas tendas de moda, tamén nas panadarías ou talleres mecánicos. O graffiti está no cotián paulistano, nos muros, nas paredes, nas portas… 

Rua Harmonia


O que nun principio foi unha diversión que desafiaba a orde pública, un símbolo de rebeldía, agora xa é unha forma de expresión incluída nas artes visuais, que fai da metrópole un auténtico museo ao aire libre no que, sobre lenzo de formigón, expoñen algún dos seus mellores artistas como Studio Kobra, Nina, Onest, Os Gêmeos ou Rui Amaral, entre moitos outros.

Os Gêmeos no parque de Ibirapuera


Dise que moitos paulistanos, igual que os inuits fan coas cores brancas, son capaces de distinguir diferentes tipos de grises, e non polos altos niveis  de polución que teñen, senón grazas os grafiteiros que, incluso co branco e negro,  axudan a colorear unha cidade de cemento á que lle sobran lugares horrendos.

Studio Kobra na avenida Paulo VI

O Beco do Batman é o nome co que se coñece a rúa Gonçalo Afonso no barrio de Vila Madalena, convertida nun dos santuarios mundiais desta manifestación artística.

Rua Gonçalo Afonso (Vila Madalena)


Estação da Luz

Co imperio do café establecido, alá por finais do século XIX, era necesaria unha estrada ferroviaria que unira a rexión de São Paulo co porto de Santos, por onde se lle daba saída ao produto. Así nace a Estação da Luz, construída con estruturas metálicas traídas de Inglaterra que lembran o Big Ben ou a abadía de Westminter.



Aberta ao público no 1901, a São Paulo Railway Station -como se lle coñecía oficialmente- foi a porta de entrada para as personalidades ilustres que tiñan a capital como destino, e tamén para os inmigrantes que chegaban de todo o mundo á cidade procedentes do porto de Santos. A súa importancia duraría ata a II Guerra Mundial, cando as ferroviarias foron substituídas polas estradas.
Na segunda metade da década dos 40, o edificio da Luz foi parcialmente destruído por un incendio, a reconstrución estenderíase ata o ano 1951 cando foi reinaugurada. Dende aquela, aínda sufriría varias reformas e restauracións, sempre seguindo os deseños do proxecto orixinal, que concluirían no 2006 coa instalación no seu interior do Museu da Língua Portuguesa.


O interior da estación

Hoxe en día, a rexión da Luz está entre as máis degradadas do centro; talvez, por estar localizada na periferia central. Aínda así, a estación conserva todo o seu esplendor orixinal e dá servizo á, mal chamada, extensa liña do metro de São Paulo.
 
O metrô de Luz

O Museu da Língua Portuguesa

En Cracolândia, dentro da Estação da Luz, por seis reais pódese visitar o Museu da Língua Portuguesa. Lugar pouco recomendado para os que realmente queiran saber sobre a historia desta.
Proxectan unha visión da lingua cargada dunha forte exaltación nacional, só lles falta poñer un bandeirolo e que soe o himno. A referencia ao galego é mínima, por non dicir inexistente. Dedican un pouquiño máis á relación do portugués coas linguas indíxenas, mais insuficiente, e cunha visión demasiado harmónica entre elas. Ao parecer aquí todos falan unha única lingua, sen variedades e sen ningún tipo de prexuízo lingüístico.


Estas son as dúas únicas mencións ao galego nun museo que ocupa tres plantas.



Con todo, temos que resaltar o seu interese desde o punto de vista tecnolóxico e os recursos didácticos que empregan, así como, unha creativa mostra temporal dedicada á literatura brasileira.