De cemiterios

Un simple paseo polos cemiterios de São Paulo pode ser unha verdadeira viaxe cultural e histórica.

Ponto de interrogação (1922) de Francisco Leopoldo e Silva. Cemiterio de Consolação.

O cemiterio de Consolação, inaugurado no 1858, é a máis antiga necrópole en funcionamento na cidade de São Paulo e unhas das principais referencias brasileiras no campo da arte tumular.
Alí é posible volver a época na que os cemiterios só acollían indixentes e escravos. O costume mandaba enterrar os “bos cristiáns” nas igrexas.
A partir do século XX, cando estes xa non facían distinción social, a maneira das familias mostrar o seu estatus era por medio de túmulos e mausoleos construídos en mármore e granito, decorados por artistas e escultores de renome.
Os case nove mil túmulos do cemiterio de Consolação van de construcións simples ata obras dos artistas Victor Brecheret, Bruno Giorno e Luigi Brizzolara. O mausoleo da familia Matarazzo, o maior de América Latina, ten 20 metros de altura, 150 metros cadrados e esculturas en bronce de Brizzolara.

Grande Anjo (1938) de Victor Brecheret. Cemiterio de Consolação.

O cemiterio de São Paulo, situado no barrio de Pinheiros, foi inaugurado no 1926 como reflexo do ateigamento que se estaba producindo no aristocrático Cemiterio de Consolação. Neste hai 180 obras consideradas de valor artístico, executadas na súa maioría por artistas italianos e brasileiros.
Predominan os estilos belle époque, art nouveu e modernista. Moitas obras chaman a atención polas características ousadas para a circunstancia e a época, tomando o nu, a sensualidade e os símbolos pagáns como temas.

Túmulo da família Scuracchio de Victor Brecheret. Cemiterio de São Paulo.

O cemiterio de Morumbi está localizado no nobre barrio de Morumbi, e non ten nada que ver cos anteriores. É un cemiterio xardín de inspiración americana, innovación para a época xa que só existían cemiterios con construción de lápidas.
Famoso pola presenza dos túmulos de Elis Regina, Adoniram Barbosa e Ayrtom Senna.


Cemiterio de Morumbi (Túmulo de Elis Regina)

E isto non acaba aquí, aínda nos quedan por visitar o cemiterio de Araça e o de Vila Formosa, o maior de América Latina.


Piquenique no Pico do Jaraguá


Aínda que xigantescos, os rañaceos de São Paulo non conseguen agochar o punto máis alto da cidade. Con 1135 metros de altitude, o Pico do Jaraguá, como é coñecido o Parque Estadual do Jaraguá, constitúe unha das últimas vexetacións de mata atlántica na área urbana de São Paulo.

A parte baixa do Pico do Jaraguá

Un lugar idóneo para un piquenique de domingo, facer trilha e observar os comportamentos dos sagüi do tufo branco.

Sagüi do tufo branco

Cansa, mais merece a pena subir as 252 escaleiras que levan ata o máis alto do pico para contemplar a vista vertixinosa da cidade.

Unha cuarta parte do que podes ver

Nesta reserva natural aínda resiste, en extrema pobreza, unha aldea de indios guaranís que manteñen a súa lingua e os seus costumes. Compartimos con algún deles o piquenique. Beleza de meniñas!!

Nenas guaranis

Surfeiros do asfalto

Unha tarde no Ipiranga dá para moito.

Museu Paulista. Presenta exposicións relacionadas coa formación das sociedades paulistana e brasileira.

Ademais de visitar o Museu Paulista, o máis antigo da cidade, pasear polo seu parque intentando localizar algún dos chimpancés aos que está totalmente prohibido darlles de comer -aínda que sempre haberá un galego para romper as regras e compartir con eles unha bolsa de torcidas- podes baixar ata o parque da Independência e ollar como os skaters descenden a pequena ladeira sobre rodiñas.

Hussein en estado puro.

Nós tivemos a oportunidade de coñecer un deles, o Hussein, auténtico surfeiro do asfalto e, o mellor, un encanto de rapaz.

Retrato do Hussein

Hai tres anos que abandonou os seus estudos para crear a primeira marca paulista de longboards, a Hussein Classic Boards. Cun estilo inconfundible, os deseños dos seus shapes son creacións manuais únicas.


Arte na parede

No Beco do Batman

Os graffitis en São Paulo están espallados por toda a cidade, cada vez son máis os negocios que utilizan este tipo de arte nas súas frontes. O colorido xa é marca non só nas tendas de moda, tamén nas panadarías ou talleres mecánicos. O graffiti está no cotián paulistano, nos muros, nas paredes, nas portas… 

Rua Harmonia


O que nun principio foi unha diversión que desafiaba a orde pública, un símbolo de rebeldía, agora xa é unha forma de expresión incluída nas artes visuais, que fai da metrópole un auténtico museo ao aire libre no que, sobre lenzo de formigón, expoñen algún dos seus mellores artistas como Studio Kobra, Nina, Onest, Os Gêmeos ou Rui Amaral, entre moitos outros.

Os Gêmeos no parque de Ibirapuera


Dise que moitos paulistanos, igual que os inuits fan coas cores brancas, son capaces de distinguir diferentes tipos de grises, e non polos altos niveis  de polución que teñen, senón grazas os grafiteiros que, incluso co branco e negro,  axudan a colorear unha cidade de cemento á que lle sobran lugares horrendos.

Studio Kobra na avenida Paulo VI

O Beco do Batman é o nome co que se coñece a rúa Gonçalo Afonso no barrio de Vila Madalena, convertida nun dos santuarios mundiais desta manifestación artística.

Rua Gonçalo Afonso (Vila Madalena)